http://orientacioncondesa.blogspot.com.es/2015/04/probas-de-avaliacion-individualizada-de.html

http://1.bp.blogspot.com/-fOPo4bZbTV4/VODaAnJkFTI/AAAAAAAAHJE/-o9zwPM6R3o/s1600/descarga%2B%25281%2529.jpg

miércoles, 29 de abril de 2015

CHAMADAS DE ATENCIÓN






PÓRTASE MAL PARA CHAMAR A ATENCIÓN

Imaxe collida https://familiaycole.files.wordpress.com/2013/05/pensativo.jpg de Morguefile.com
 “O noso fillo de 6 anos leva un tempo que empeorou o comportamento. Fai trasnadas, non fai caso e sempre temos que andar rifándolle e castigándoo. Na casa non hai ningún problema, cremos que se porta mal, simplemente para chamar a atención. Que facemos?” "

Esta adoita ser unha das consultas máis habituais no departamento de orientación.
EN QUÉ CONSISTE O PROBLEMA?
Parece que o comportamento negativo do neno ou da nena busca atraer a atención dos seus pais. A atención é un dos reforzadores máis potentes na conduta infantil.
Algúns pais exprésano como que xa non saben que facer, probaron de todo e nada funciona; castígano e parece que non lle importa nada. O neno consegue o premio, a atención, e o castigo, impórtalle menos.
CAUSAS
1. Non se lle presta a atención axeitada. Xeralmente por algo sinxelo, non reciben a atención suficiente. É posible que o comportamento axeitado non se reforce e non se lle poña atención, mentres que si se atende de forma especial cando se porta mal, aínda que sexa para rifarlle. É neses momentos cando se dirixen a el, deixándoo todo, falando coa mestra, ... pero cando o comportamento é adecuado, non se actúa.
Outros nenos só conseguen que lles fagan caso, cando fan trasnadas ou o seu comportamento é inadecuado. Hai escenas de nenos que chaman aos seus pais de forma axeitada e que non son atendidos; ata que non berran, non os teñen en conta.
2. Queren toda a atención. É menos frecuente, pero sucede que noutros casos, os nenos non só queren atención, senón que a queren toda e en exclusiva. É o caso dalgúns nenos con irmáns pequenos, que queren que se lles atenda a eles e que utilizan esta estratexia cando os seus pais atenden ao outro irmán.
QUE FACER?
 1. Darlle atención ao seu fillo ou filla. Pero iso non é matarse de traballar para que non lle falte de nada. Iso está moi ben e ten moito mérito, pero darlle atención é que en determinados momentos teñan a exclusiva, escoitalo con interese, cando lle conte o que aconteceu durante a mañá, responderlle ás súas preguntas, tamén ás difíciles e comprometidas, ensinarlle cousas, xogar con el, contarlle un conto antes de durmir, rifarlle cando fai algo mal, etc., etc.


2º. Ignorar as condutas inadecuadas. Cando sexan capaces de darlle atención aos seus fillos e fillas dese modo, poderán ignorar as condutas inadecuadas, sempre que sexa posible facelo, de maneira que descubra, que papá e mamá lle atende moito máis cando se porta ben, que cando se porta mal. Todas as persoas necesitamos a nosa cota de atención; os nenos tamén e farán o que sexa, por ter o seu “depósito” de atención completo.

Cando as chamadas de atención non son efectivas: O fillo parece que non escoita, hai que chamarlle vinte veces a atención; ata que non lle berras non atende; chamáselle a atención pero non se consegue nada. Son maneiras diferentes de expresar esta queixa as familias.
A chamada de atención é a técnica máis usada e iso tamén fai que perda efectividade. De todos os xeitos, déixolles algunhas orientacións para que funcione mellor:
* Reducir as chamadas a tres, como máximo. Algúns pais chaman a atención de xeito indefinido. Se o neno se acostuma a chamadas de atención reiterativas, escóitaas como unha música de fondo e remata por non as atender. A primeira medida é reducilas, é dicir, acostumalo a que lle chaman a atención máximo tres veces e á seguinte vez se actua.
* Utilizalas cando sexa estritamente necesario. Outros pais abusan dela e chaman a atención cando en realidade non pasaría nada se non se fixese. Algunhas familias están demasiado enriba do neno e este remata por non lles facer caso. Que aprenda que cando lle chaman a atención é en serio, a situación o require e van actuar se non atende.
* Que o neno ou a nena lles preste atención. Para chamar a atención hai que asegurarse de que nos vai atender. Polo tanto, en ocasións iso obriga a que nos poñamos diante del,lle xiremos a cabeza, o miremos aos ollos e nos aseguremos de que atendeu á chamada.
Polo tanto, para que as chamadas de atención sexan máis efectivas, recorden:
1. Acostumalo a que o chaman só tres veces.
2. Chamarlle a atención só cando sexa necesario.
3. Asegurarse de que nos está a prestar atención.

Como conseguir que o meu fillo me obedeza?: Moitas familias quéixanse de que o seu fillo non lles fai caso. A pregunta é “Que podemos facer?”
 1º. O neno ou a nena debe dispoñer dunhas normas claras e concretas. Estas normas estarán referidas aos diferentes tempos e rutinas, ao comportamento esperado nos espazos habituais, ao cumprimento das responsabilidades e á seguridade persoal.
 2º. As ordes que dean aos nenos deberían de estar referidas, a maioría das veces, a esas normas, polo tanto, serán unha especie de recordatorio destas: "Os xoguetes recóllense ao rematar; cómese sentado na cadeira; a rúa crúzase dando a man... "
3º. A orde será clara, concreta e firme. Ordes xenéricas como "se bo" ou "pórtate ben", adoitan ser demasiado abstractas. As ordes brandas, indican que se poden incumprir.
 4º. Cando dean as ordes, asegúrense de que os está a escoitar e díganllas unha a unha.
 5º. Deixe un tempo prudencial para que a cumpra, non xa ao momento. Máis tarde, supervise que se cumpriu. Senón pode utilizar algunha consecuencia natural.
6º. Por último, eloxie o seu fillo ou a súa filla cando sexa obediente e se porte ben. O eloxio é unha forma de aprobación e como tal, ten o carácter de reforzador xeneralizado, é dicir, aumenta a frecuencia da conduta eloxiada en circunstancias similares. Pero, eloxiar aos fillos axeitadamente é unha pauta necesaria na súa educación.

Como eloxiar ao seu fillo ou filla?: O eloxio débese ofrecer de xeito inmediato ante comportamentos que queremos reforzar e que son adecuados. Hai moitas formas de eloxiar. En primeiro lugar, expresando aprobación ou expresando satisfacción: "moi ben"; "que ben o fixeches". Facendo comentarios a terceiras persoas, por exemplo á parella: "Papá, non sabes o ben que fixo isto ou o outro o noso fillo".
O eloxio tamén é unha forma de poñer atención, desta forma o neno ou a nena comprobará que se lle pon máis atención cando se porta ben que cando non o fai. Así, evitamos que se porte mal para atraer a nosa atención.
Ao eloxiar, é adecuado sinalar o motivo e resaltalo: " Que ben recolliches hoxe os xoguetes e que ordenado o deixaches todo! " O eloxio indica dun xeito moi claro e concreto, que o que fixo está ben e que así esperamos que se volva comportar a próxima vez. Debe ser crible, tampouco é necesario esaxerar nin os xestos, nin as palabras, nin o ton de voz. Un sorriso, un xesto, pode ser suficiente, e mesmo unha palabriña ao oído: "Gustoume moito como axudaches o teu irmán".Todas as persoas necesitamos aprobación e eloxios. Os seus fillos tamén. Cando hai un mal comportamento xeneralizado, os nenos reciben poucos reforzos deste tipo. Así que, aínda que vos custe ao principio, practicade o eloxio, seguro que notades as melloras.

¡¡¡Espero que estas pautas lles axuden na relación co seu fillo ou filla!!!